[Educación Inclusiva] Orde do DOG nº 149 do 2017/8/7 - premios ao esforzo ESO

Iván Novegil C. ivan.novegil.cancelas en gmail.com
Dom Ago 13 18:28:15 CEST 2017


http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170807/AnuncioG0164-260717-0001_gl.html

Orde do DOG nº 149 do 2017/8/7 - Xunta de Galicia
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal, e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 9 que a educación secundaria obrigatoria ten por finalidade lograr que os alumnos e as alumnas adquiran os elementos básicos da cultura, nomeadamente nos seus aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar neles/nelas hábitos de estudo e de traballo; preparalos/as para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral, e formalos/as para o exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente aproveitamento académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal (procedemento ED311E) correspondentes ao curso 2016/17.

2. A finalidade destes premios é dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 10.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2017, cunha dotación global de 15.000 €.

3. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter rematado os estudos de cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no curso 2016/17 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia no réxime ordinario.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Os alumnos e alumnas que sexan candidatos/as ao premio deberán merecer un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrados ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural, polo que se fan merecedores de optar a esta modalidade de premios.

O perfil obxecto destes premios correspóndese con alumnado que procede de contornos socioculturais desfavorecidos ou de contornos familiares disfuncionais que supoñan desvantaxe manifesta para conseguir rematar os seus estudos ou en proceso de superación de enfermidades crónicas ou con discapacidades que condicionan o seu rendemento escolar, a súa relación persoal e a súa inserción social.

4. Non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da citada lei e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes; comezará o día 21 de agosto de 2017 e rematará o día 20 de setembro de 2017.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro dos lugares e rexistros establecidos nesta normativa.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A mera presentación da solicitude leva implícita a aceptación plena de todas as bases desta convocatoria, e constitúe unha manifestación expresa de que a persoa solicitante reúne os requisitos exixidos para participar no procedemento, así como de que son veraces os datos que consigne nela.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento de identidade, DNI ou NIE do/da solicitante.

b) Expediente dos estudos de educación secundaria obrigatoria cursados polo/pola solicitante.

c) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Procedemento dos centros docentes

1. Os centros docentes enviarán, de cada alumno/a que presente solicitude, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos de educación secundaria obrigatoria (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media, asinada polo/pola secretario/a co visto e prace do/da director/a do centro en que se atope o expediente académico.

b) Informe do perfil do alumnado solicitante redactado de acordo co indicado no artigo 11 desta orde. O dito informe será elaborado pola comisión establecida no artigo 10 desta orde e nel darase conta das especiais condicións da escolaridade do candidato ou da candidata ao premio.

2. Os centros docentes enviarán un correo electrónico por cada alumno/a solicitante dirixido ao enderezo sacse en edu.xunta.es do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, seguindo o seguinte procedemento:

No asunto da mensaxe indicarase a lenda Procedemento ED311E. Premios ESO ao esforzo e á superación persoal 2016/17. No corpo incluirase o código do/da alumno/a de que se envía a documentación. O dito código será o que resulte de substituír por asteriscos os díxitos correspondentes ás posicións 3ª, 4ª, 5ª, 6ª e 7ª do seu DNI, e a relación de documentos. Estes enviaranse nun único arquivo adxunto comprimido cifrado cun contrasinal, que será acordado previamente co Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 9. Emenda e mellora da solicitude

A publicación da relación provisional do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as, requiriranse os/as interesados/as para que, nun prazo de dez (10) días, emenden a falta ou xunten os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase desistido/a da súa petición e arquivarase esta logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 21 da citada lei.

A publicación da relación definitiva do alumnado admitido e excluído realizarase nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

Artigo 10. Comisión de centro para elaborar o informe co perfil do/da alumno/a

1. Nos centros educativos constituirase unha comisión formada pola dirección do centro, a xefatura de estudos, a xefatura do departamento de orientación e o/a titor/a do/da candidato/a durante o curso 2016/17 ou, na ausencia deste/desta, un/unha profesor/a, preferentemente do/da alumno/a, nomeado/a pola dirección do centro educativo.

2. Esta comisión será a encargada de informar do perfil do alumnado que solicita participar neste premio, tendo en conta o esforzo persoal realizado e as súas dificultades persoais, educativas e/ou o contorno familiar e sociocultural. O informe realizarase sobre a base a que se refire o artigo 11 desta orde.

3. O acordo reflectirase en acta, que quedará arquivada no centro docente.

Artigo 11. Informe co perfil do/da alumno/a

Co fin de que a comisión de selección prevista no artigo 12 desta orde poida valorar os méritos dos solicitantes, no informe do perfil do/da alumno/a previsto no artigo 8.1.b) desta orde farase constar:

1. As dificultades persoais, educativas ou do contorno sociofamiliar da persoa candidata, que a xuízo do equipo docente dificultaron o seu desenvolvemento educativo.

2. As medidas de apoio adoptadas polo centro educativo en relación coas necesidades educativas do alumno ou alumna e a súa repercusión no progreso escolar.

3. A persistencia do alumno ou da alumna no logro das competencias e dos obxectivos da etapa e a valoración do esforzo persoal para acadalos.

4. A descrición de calquera outra circunstancia que a xuízo da comisión do centro educativo mereza ser tida en conta.

Artigo 12. Comisión de selección dos candidatos e das candidatas ao premio

1. Co fin de valorar os méritos dos participantes, constituirase unha comisión formada por:

Presidente/a:

A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de Educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A comisión de selección, tendo en conta o informe requirido no artigo 11 desta orde, valorará as propostas presentadas atendendo ás dificultades persoais (ata 10 puntos):

a) Situacións relacionadas coa saúde e/ou o desenvolvemento en xeral, ata 4 puntos.

b) Reunir algunha das circunstancias especificadas nos artigos 26, 27, 28 ou 31 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, que regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, e/ou atoparse en risco de exclusión social, ata 3 puntos.

c) Aproveitamento e esforzo, ata 3 puntos:

Ata dous puntos poderán obterse coa nota media das cualificacións obtidas na etapa de educación secundaria obrigatoria. Para estes efectos computarase a nota media multiplicada por 0,2.

Un punto por acreditar a continuidade dos seus estudos.

3. A valoración final expresarase con dous decimais, arredondada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de sumar as valoracións acadadas no número 2 deste artigo.

4. Para poder aspirar ao premio deberase obter, como mínimo, unha puntuación de cinco puntos na valoración final a que se refire o número 2 deste artigo.

5. A comisión de selección resolverá os empates tendo en conta:

I. Maior puntuación no número 2.c) deste artigo.

II. Maior puntuación no número 2.a) deste artigo.

III. Maior puntuación no número 2.b) deste artigo.

6. De persistir o empate, a comisión de selección poderá celebrar un sorteo.

7. A comisión de selección poderá declarar premios desertos.

8. A percepción de asistencias desta comisión de selección aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 13. Resolución provisional da concesión dos premios

1. A comisión fará públicas as puntuacións provisionais obtidas polos candidatos e candidatas ao premio nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde.

2. O alumnado participante, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderá presentar reclamación contra a puntuación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación.

Artigo 14. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, a comisión de selección elaborará a acta coa proposta de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse nos lugares relacionados no artigo 17 desta orde. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das puntuacións definitivas.

2. A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita pola comisión de selección á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os/as alumnos/as estaran identificados por un código alfanumérico.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Recurso

A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Obriga dos/das gañadores/as

1. O alumnado que obteña premio ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado gañador debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, segundo o modelo de anexo II. O importe do premio estará suxeito ás retencións que legalmente correspondan.

3. A persoa beneficiaria ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.1.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Publicación e información

A relación de alumnado admitido e excluído e as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas publicaranse no portal educativo https://www.edu.xunta.gal e na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso.

Cada alumno/a estará identificado por un código alfanumérico. Este código comunicaráselles ao/á alumno/a e o centro educativo.

Artigo 18. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido, conforme a artigo 17.4 da Lei 9/2007.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da lei a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre a súa tramitación. A participación no procedemento require o consentimento para o tratamento e a publicidade dos ditos datos de carácter persoal, que se considerará convenientemente prestado polas persoas interesadas mediante a presentación da súa solicitude de participación. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo de San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion en xunta.gal.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Impugnación

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

------------ próxima parte ------------
Se ha borrado un adjunto en formato HTML...
URL: <https://mailmanlists.eu/pipermail/educacioninclusiva/attachments/20170813/4d91072c/attachment.htm>


Más información sobre la lista de distribución EducacionInclusiva